XIRIFEIRAS
“Xirifeiras”, nace no ano 1996 no seo da Banda de gaitas tradicional “Airiños de Fene”, coa intención de manter viva a nosa música tradicional e poñer en valor o papel das pandereteiras e está dirixido por Gisela Sanmartín.
Levan percorrido infinidade de lugares dentro e fóra das nosas fronteiras amosando co seu traballo a importancia das nosas mulleres. Así, levaron a súa música ao Festival Interceltique de Lorient (1999, 2001 e 2009), Folk Segovia (2001 e 2018), Festival Intercelticu de Avilés (2003, 2010, 2014 e 2022), Festival do Mundo Celta de Ortigueira (2018), Festival Intercéltico D’Occidente, Jornadas célticas del Oriente de Asturias, ou Festas grandes de Bilbao entre moitos outros.
Actualmente, forman parte da Xira Ingrávida de Mercedes Péon e foron parte activa na organización das Xornadas “Somos Pandeireteiras” celebradas en Carballo en decembro de 2021.
Organizan anualmente un Encontro de Cantareiras en Fene coa intención de darlle visibilidade ás cantareiras nunha comarca, como é a de Ferrolterra, que garda poucas ou ningunha lembranza destas mulleres tan importantes na nosa cultura.